OS PEARES: Inmersión Lingüística en Inglés

O IES Cosme López Rodríguez participa na English Week 2017, nos Peares

Os alumnos e alumnas de 4º de ESO, participan, entre o 19 e o 25 de novembro, nunha actividade de Inmersión en lingua inglesa, logo de ser seleccionados entre numerosos centros solicitantes. O curso, incluído no Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, realizarase en réxime de internado, nas instalacións do Centro de Inmersión Lingüística de Inglés, de Os Peares.
As actividades, de carácter gratuíto para o alumnado, inclúen, ademais dos gastos de docencia e material escolar, a manutención, o aloxamento e as actividades culturais, deportivas e complementarias do curso, así como os monitores de grupo e os profesores nativos.
O obxectivo principal desta tarefa de formación é que as alumnas e alumnos practiquen a destreza oral dos coñecementos adquiridos na lingua inglesa, a través de actividades non só de natureza académica, senón tamén cultural, de tempo libre e obradoiros, promovendo a convivencia e a motivación pola comunicación en inglés, facendo uso de medios tecnolóxicos que favorezan a devandita aprendizaxe.
Para as familias do alumnado participante, deixamos aquí ligazóns aos documentos que no seu momento xa lles foron entregados en papel e que poden seguir sendo de utilidade.